Xa estamos ata no xornal

miércoles, 30 de abril de 2008



Non hai nada como ser pai de antigos alumnos (Promos 1987 e 1992) e ter información de primeira man.

Rifas, Rifas, Rifas

sábado, 26 de abril de 2008

Como en toda festa da escola imos ter rifas pero esta vez os premios van ser un pouco especiais:
  • Un cadro de Alice.
  • Unhas camisetas de Karina & Julie´s Fashion.
  • Un lote de conservas.
  • Un tratamento de beleza no centro das Irmás Camacho.
  • Cea e estancia dunha noite no Hotel Avión.
  • Unha caixa de peixe conxelado.
  • A flauta coa que gravou o seu primeiro disco de éxito Carlos Nuñez.
  • Xornada de navegación nun barco de vela de tres horas pola Ría de Vigo para catro persoas.
Sen embargo, continuan faltando doazóns. Se queredes contribuir .... xa sabedes con quen tedes que contactar:
info@colexiomartincodax.com
ou noemiaariasmangana@gmail.com

Búscanse músicos para actuación

martes, 22 de abril de 2008


A escola leva máis de 30 anos intentando desenvolver as nosas habilidades artísticas e aínda non temos nengunha actuación. ¿A que esperades? ¿Temos que pluriemplear, unha vez máis, a Fernando e a Teté? Xa sabedes o que tedes que facer se queredes cantar, bailar, falar ou actuar. Avisade en info@martincodax.com explicando máis ou menos o que queredes facer e xa está.

Por certo, hai un ruxe ruxe que di que a primeira promoción está a preparar algo.

Festa

lunes, 7 de abril de 2008

Benvidos todos e todas!


Cando os que hoxendía formamos o Martín Códax nos propuxemos facerlle unha festa a Tatá (gústanos máis que a palabra homenaxe) tivemos claras dúas cousas:
  • Tiña que ser no 2008 pois a día 17 de maio (non podía haber mellor data) caía en sábado e así sería posible que todos os que estivesen fóra de Galicia puidesen asistir.
  • Había que facer a festa na escola. Tiña que ser coma todas as nosas Romarías: O Magosto, O Entroido a das Letras Galegas…No patio, no monte, pendentes do ceo por se temos que apretarnos no patio cuberto.

Con esta festa a Tatá queremos facerlle unha homenaxe a aquel grupo de valentes que tomaron a iniciativa de levar adiante a súa idea de educación. Esperamos ser capaces de coller o seu testigo e continuar co seu espíritu.

Á hora de organizar este encontro agarimoso, ¿qué mellor “comision de festas” que os antigos alumnos que hoxe continúan na Escola?


Hai unha morea de anos, ao amparo da Lei Xeral de Educación de 1970, un grupo de profesores da Academia de Estudios CEIBE (Ana María, Chano, Felix, Mariló, Marita, Paloma, Pazos, Rosa Espino e Tatá) decidiron fundar unha escola distinta na que o neno deixase de ser un espectador no proceso de aprendizaxe e se convertise no centro deste proceso.

Eles soñaron cunha escola crítica, laica e libre nun tempo onde o criticismo, a laicidade e a liberdade eran cuestións de orde pública. Mais, para este proxecto precisaban doutras mans; algunhas delas de aínda estudantes de maxisterio como Fernando, Margara, Margarita Barrientos, Trino e Ydalinda; e outras mestres experimentados como Clara, Gisela, Isa, Isabel Pérez, Matas ou Teté.

Así, no curso 71/72 comezaba a andaina desta nosa escola nun pequeno chalet ao pé do aeroporto e con Tatá como directora.

Porén, a súa crenza nunha educación diferente levounos a contratar mestres como Don Gonzalo coas súas matemáticas de bloques lóxicos e regletas, a Manolo coas súas películas da toupiña e Chaplin, a Juan e a María José cos seus collages e debuxos ou a Bárbara, nun intento de que aprendesemos inglés desde pequenos.

Pasaron os cursos e o aumento do número de alumnos levaron a incorporarse ao colexio a Alberto Avendaño, a Alice, a Calo, a Carmela, primeiro como secretaria e despois como profesora de música, a César, a Eladio, a Elisa, a Ernesto, a Francis, a José Antonio, a Gegé, a Herminia, a Isabel Estévez, a Maite, a Manuel, a Marion, a Marisa, a Mª Eugenia, a Miss Rose, a Natacha, a Olga, a Patri Música, a Pepa, coñecida por moitos de nós co nome de Josefa, a Pili, a Rafa, a Susi, a Taboada, a Tota e a Xaime Estévez. Sen esquecer tampouco os condutores, as coidadoras do autobús, as cociñeiras e as señoras da limpeza, a Eulogio e Pepe e Juan, e por suposto, o máis importante, porque no só de sapiencia vive o home…Pili Bocatas, Marisol e Sinda.

En definitiva, está foi e é a nosa escola. A escola que temos na nosa memoria, na que aprendemos a ler e escribir, na que aprendemos a ser libres e tolerantes, na que pasamos bos e malos momentos e á que queremos rendir homenaxe na figura da súa directora, Tatá, o día 17 de maio.

Iso si, sen esquecer que hoxendía o Martín Codax o forman: Alba (ex–alumna), Alicia, Ana Presa, Bárbara, Bego Matas (ex–alumna), Belén Apoio, Belen Cabaleiro (ex–alumna), Conchi, Coqui, Charli (ex–alumno), Elisa, Eloy, Fernando, Fran, Francis, Gegé, Herminia 2, Isa, Isabel Estévez, Isabel Pérez, Jaime, Jorge Pazos (ex–alumno), Jorge Teacher, José María, Juan Campos, Juan Plástica, Julie (ex–alumna), Lourdes, Luz, Margarita, Maiche (ex–alumna), Manolo, Mar (ex–alumna), Mari Paz, María Barbosa, María, Marisa, Montse (ex–alumna), Nico (ex–alumno), Noemí, Nuria (ex–alumna), Olalla (ex–alumna), Olga, Óscar, Patri Apoio, Patri Plástica, Pazos, Pepa, Pili, Rafa Crespo (ex–alumno), Roberto Pazos (ex–alumno), Rosa a nova Directora, Rosa Tecnoloxía, Ruth, Sandra, Susi, Tere, Teté, Trino, Xabier, Ydalinda e Xela (ex–alumna).



Haberá un escenario onde os que se animen poderán facer as súa aportación. Así que non esquezades traer os vosos instrumentos.

Tamén temos pensado unha exposición de fotos das distintas promocións, que poderedes mandar escaneadas, aqueles que o desexedes, ao correo da exalumna Noemi (promoción 1988) noemiaariasmangana@gmail.com indicando o ano en que rematastes os estudos no cole para poder clasificalas.

Estamos abertos a calquera suxestión que poidades aportar utilizando este blog para nolas facer chegar ao correo do Cole info@colexiomartincodax.com coa referenza “festa 17 de maio”. E se o día en cuestión, queredes participar nun mural e nun libro que teremos aberto á vosa disposición, pensade o que ides pintar, escribir, crear, comentar, ….

É importante tamén que informedes desta Romaría a todas aquelas persoas que coñezades que teñan algunha relación coa escola, utilizando o boca a boca que tan ben funciona, e se podedes ir indicándonos de cantas tedes constancia que van a vir para facernos na medida do posible unha idea do número de asistentes.

Vémonos ese día para agradecer, lembrar, compartir, rir, chorar… en fin, pasar un momento agradable todos xuntos na Nosa Escola.

Por certo, isto é un segredo para Tatá.